Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

Colexio Estudo de Nigrán

Ethel Vázquez destaca a capacidade dos escolares do Colexio Estudo de Nigrán para plasmar a importancia social e ambiental da auga no vídeo gañador do premio provincial Innnovaugas 4.0

  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade entregou o premio, dotado de 3.000 €, ao proxecto gañador na provincia de Pontevedra, realizado polos alumnos de 2º de primaria do centro
  • Vázquez Mourelle destaca que o traballo gañador, ‘A auga', explica nun minuto como vai cambiando a relación da humanidade coa auga e como as novas tecnoloxías axudan a xestionar e coidar a auga de forma máis sustentable
  • Pon en valor os consellos do vídeo, como pechar a chave cando se lavan os dentes, ducharse en lugar de bañarse ou evitar tirar desperdicios que contaminan a auga
  • Remarca a acollida destes primeiros premios organizados por Augas de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para promover o uso responsable da auga entre os mozos
  • Os nenos de 1º e 2º de Primaria debían elaborar unha peza audiovisual sobre o respecto pola auga, resultando logo 4 gañadores, un por provincia, ademais de finalistas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a capacidade dos escolares do Colexio Estudo de Nigrán para plasmar a importancia social e ambiental da auga no vídeo gañador do premio provincial Innovaugas 4.0.

Vázquez Mourelle entregou hoxe o premio, dotado con 3.000 €, ao proxecto gañador na provincia de Pontevedra, realizado polos alumnos de 2º de primaria deste centro.

Destacou que o traballo gañador, ‘A auga', explica en tan só 1 minuto como vai cambiando a relación da humanidade coa auga e como as novas tecnoloxías axudan a xestionar e coidar a auga de forma máis sustentable.

Puxo en valor os consellos que se dan no vídeo, como pechar a chave cando se lavan os dentes, ducharse en lugar de bañarse ou regar as certas horas do día. Tamén resalta a idea de evitar tirar desperdicios que ensucian e contaminan a auga porque iso inflúe nos demais ser vivos.

Subliñou a acollida destes 1º Premios Escolares Innovaugas 4.0 que organiza Augas de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para promover e fomentar o uso responsable da auga entre os máis novos.

Esta iniciativa ía dirixida aos nenos de primeiro e segundo curso de primaria de toda Galicia, que debían elaborar unha peza audiovisual sobre o respecto pola auga. Unha vez presentados os traballos, elixíronse 4 gañadores, un por provincia, ademais de finalistas.

Innovaugas 4.0

Estes premios enmárcanse no proxecto Innovaugas 4.0, promovido pola Xunta para conseguir solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural.  

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrgxional de España (POPE) 2014-2020.

O proxecto Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 e conta cunha axuda de fondos europeos de 4,2 M€, sendo cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 M€.