Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Unha maneira de facer Europa
Publicado o 01 Dec 2020
Innovaugas 4.0 foi convidado a participar como exemplo de próximas realidades, ao ser un proxecto en avanzada fase de desenvolvemento, no III Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta, que se celebrará os próximos días 2 e 3 de decembro, nun evento virtual que implicará a administracións e axentes de innovación de España e Iberoamérica. Nesta terceira edición, o Foro está dedicado a Realidades e aceleración da reactivación económica.
O relatorio correrá a cargo de Iván Cacheiro, Xestor de proxectos e fondos europeos en Augas de Galicia, e celebrarase o mércores 2 de decembro ás 17:30 horas, na sala 2 – Próximas realidades CPI – Proxectos en fase avanzada de desenvolvemento.
Innnovaugas 4.0 presentará nos próximos días o documento de conclusións da fase de entrevistas da Consulta Preliminar ao Mercado, á que se presentaron 115 propostas. Este é o paso previo para a redacción dos pregos de contratación que rexerán as licitacións nos 3 retos dos que consta o proxecto: 1. Sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos; 2. Fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático; e 3. Economía circular no ciclo integral da auga.
O proxecto conta cun orzamento total de 7 millóns de euros e foi seleccionado a través da convocatoria da liña de Fomento de Innovación desde a Demanda para a Compra Pública de Innovación desenvolvida polo Ministerio de Ciencia e Innovación. O proxecto está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirregional de España ( POPE) 2014-2020 e conta ademais coa achega da Axencia Galega de Innovación ( GAIN).