Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Unha maneira de facer Europa
Publicado o 19 Set 2022
O proxecto Innovaugas 4.0, Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, promovido por Augas de Galicia, foi invitado a participar no evento “Smart Water Summit 2022”, organizado por iAgua, que se celebra do 19 ao 23 de setembro en modalidade online, cunha última xornada presencial este venres en Madrid.
A Xunta de Galicia presentou a un público especializado no sector da auga e innovación os proxectos de dixitalización que se están levando a cabo, as previsións de investimentos de futuro a curto e medio prazo, e puxo como exemplo destas accións o proxecto Innovaugas 4.0, a primeira experiencia de compra pública innovadora que está a desenvolver a entidade.
Durante a súa ponencia, Iván Cacheiro, xestor de proxectos e fondos europeos, explicou como Innovaugas 4.0 busca responder tres retos para o sector da auga en Galicia da man da innovación e de solucións tecnolóxicas non existentes no mercado. O proxecto, que conclúe en xuño do próximo ano, adxudicou tres servizos nos que serán protagonistas as novas tecnoloxías habilitadoras para a dixitalización, procesado e xestión avanzada de datos de numerosas fontes, eficiencia enerxética, mellora da calidade da auga e predición de eventos por un total de 6,3 millóns de euros.
Dixitalización da man da colaboración público-privada
No marco de Innovaugas, 4.0, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asinou tamén convenios coas tres universidades galegas que suporán un investimento da Xunta de arredor de 494.000 euros, a través de Augas de Galicia, e terán vixencia ata o 31 de maio de 2023, para afondar nos retos propostos no proxecto.
O acordo Xunta-Universidade de Vigo enmárcase no Reto 1 Sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos do proxecto Innovaugas 4.0, de Augas de Galicia, e completa o servizo para o desenvolvemento dunha tecnoloxía integrada de recompilación, procesado e interpretación de datos que permita agregar e explotar toda a información existente sobre as concas, adxudicado pola Xunta por 2,3 millóns de euros, e que fará posible unha mellor toma de decisións por parte de Augas de Galicia.
Pola súa banda, o acordo Xunta-Universidade da Coruña contribuirá a desenvolver o sistema Merlín de alerta temperá de inundacións, que xa está implantando a Xunta en todas as áreas con risco potencial significativo de inundacións en Galicia, e completa o servizo que adxudicou a Xunta por 2,5 millóns de euros para incorporar as tecnoloxías dixitais de última xeración a un sistema avanzado que integre as principais variables relacionadas coa preparación e resposta fronte a inundacións e secas e coa monitorización e xestión de encoros en outros recursos dispoñibles.
O acordo Xunta-Universidade de Santiago de Compostela, dentro do Reto 3 Economía circular do ciclo integral da auga de Innovaugas 4.0, permitirá a creación dun grupo de traballo formado por persoal de Augas de Galicia e da USC que abordará o potencial de produción de enerxía nas EDAR, a definición de indicadores de circularidade na xestión das estacións depuradoras e traballarase na consecución dunha percepción social favorable para usos da auga reciclada e recursos recuperados das augas residuais. Este acordo complementa o sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas EDAR que Augas de Galicia adxudicou en marzo por 1,5 millóns de euros.
INNOVAUGAS 4.0
Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.
O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.
Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.