Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

Innovaugas semifinalista nos Premios Europeos de Innovación 2022

O proxecto Innovaugas 4.0, defende a súa candidatura como semifinalista aos Premios Europeos de Adquisición de Innovación 2022 

  • Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, e Iván Cacheiro, xestor de proxectos e fondos europeos da entidade, defenderon hoxe a candidatura de Innovaugas 4.0 ante o Xurado do European Innovation Council. 
  • Innovaugas é semifinalista xunto con outros 5 proxectos de Francia, España, Reino Unido e Bélxica: Airbus, Fundacio Pac Tauli, Niño, Ritmocore, YQ Purchasing bv. O proxecto gañador desvelarase na gala de premios o próximo 8 de decembro en Bruxelas. 

O proxecto Innovaugas 4.0, Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, promovido por Augas de Galicia, foi elixido semifinalista nos Premios Europeos de Innovación 2022 (EUIPA 2022), outorgados polo European Innovation Council no marco do programa Horizon Europe, na categoría de estratexia de compra de innovación. Hoxe tivo lugar a audiencia cos membros do xurado, na que realizaron unha breve exposición do proxecto Innovaugas e atenderon as preguntas técnicas que se expuxeron.

Estes premios recoñecen os proxectos máis destacados en toda Europa de promoción da adquisición de innovación por parte compradores públicos e privados, destacando ademais a colaboración entre comprador, Augas de Galicia, e os provedores de innovación (os consorcios adxudicatarios dos tres procesos de licitación que se celebraron no marco de Innovaugas 4.0 e as tres universidades galegas coas que Augas de Galicia vén de asinar convenios de colaboración) para levar as solucións innovadoras ao mercado.

EUIPA 2022 diferencia tres categorías, estratexia para afrontar os retos da sociedade, liderado en compra pública de innovación e estratexia de compra de innovación, na que resultou semifinalista a candidatura de Innovaugas 4.0 xunto cos proxectos Airbus (Francia), Fundacio Pac Tauli (España), Niño (Bélxica), Ritmocore (RU e España), YQ Purchasing bv (Bélxica). O proxecto gañador darase a coñecer o próximo 8 de decembro na gala de premios que se celebrará en Bruxelas. 

INNOVAUGAS 4.0
Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Movilidad da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático. 

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.