Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

Firma convenio Xunta - USC

A Xunta e a Universidade de Santiago asinan un acordo para a investigación e avance no modelo de circularidade do ciclo integral da auga en Galicia

  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron hoxe a colaboración. 
  • A Xunta, a través de Augas de Galicia achegará un importe de 338.316 euros no convenio que terá vixencia ata o 31 de maio de 2023.
  • Este convenio enmárcase no Reto 3 Economía circular do ciclo integral da auga do proxecto Innovaugas 4.0, xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, de Augas de Galicia, recentemente galardoado como mellor iniciativa pública no sector da auga nos premios ‘Water Innovation Europe’.
  • O Centro Singular Cretus, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais, colaborará con Augas de Galicia na busca de solucións para avanzar accións no ciclo integral da auga.

 

Santiago, 27 de xullo de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, un acordo para a elaboración dunha diagnose de oportunidades de economía circular na xestión do ciclo integral da auga.

No marco do convenio, polo que se creará un grupo de traballo formado por persoal de Augas de Galicia e da USC, abordarase o potencial de produción de enerxía nas EDAR, a definición de indicadores de circularidade na xestión das estacións depuradoras e traballarase na consecución dunha percepción social favorable para usos da auga reciclada e recursos recuperados das augas residuais.

O convenio asinado hoxe permitirá tamén avanzar na investigación e desenvolvemento de propostas de accións para a implantación do modelo de economía circular, que permitan a obtención de bioplásticos a partir da fracción graxa da auga residual ou maximizar o aproveitamento da materia orgánica na liña de lodos, entre outras aplicacións.

Este acordo Xunta USC complementa o sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas EDAR que Augas de Galicia adxudicou en marzo por 1,5 millóns de euros e co que se pretende o desenvolvemento dun sistema integral que permita a medición automática e continua dos parámetros de consumo enerxético e calidade da auga depurada nas EDAR de pequeno e mediano tamaño, coa finalidade de formular recomendacións de mellora a través de simulacións avanzadas nunha contorna controlada. 

Ethel Vázquez lembrou tamén que o convenio coa Universidade de Santiago súmase ao xa asinado coa Fundación Universidade da Coruña o pasado xuño cunha achega da Xunta de Galicia de 170.000 euros para desenvolver metodoloxías novidosas de predición do risco de inundacións e os efectos do cambio climático, dentro do reto 2 fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático do proxecto de compra pública de innovación, Innovaugas 4.0.

 

INNOVAUGAS 4.0

Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de  Infraestruturas e  Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo  Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola  Axencia  Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.