Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Unha maneira de facer Europa
Publicado o 15 Dec 2020
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, presentará mañá os resultados da consulta preliminar ao mercado do proxecto Innovaugas 4.0, para o desenvolvemento de solucións novidosas para a xestión integrada avanzada dos recursos hídricos.
A conselleira de Infraestrutura e Mobilidade, Ethel Vázquez intervirá no encontro de traballo, organizado vía telemática por Augas de Galicia, que pon fin á fase de consultas preliminares ao mercado empresarial e científico-técnico, impulsadas a través deste proxecto.
Durante esta fase de consultas, que se iniciaba de xeito oficial o pasado 6 de maio, a entidade hidráulica da Xunta recibiu un total de 162 propostas innovadoras dos sectores empresariais e do mundo da investigación, co obxectivo de dar resposta aos distintos retos que se queren afrontar para mellorar a xestión da auga e incrementar a capacidade de resposta ante o cambio climático.
Nestes meses, Augas de Galicia realizou un intenso traballo de análise e selección das propostas dos axentes do mercado de maior utilidade e que encaixen mellor cos tres retos da iniciativa. Deste xeito, avaliáronse as propostas presentadas para implementar a xestión do recursos hídricos e do medio ambiente; as iniciativas para o fortalecemento das capacidades de preparación e resilencia fronte o cambio climático; e as propostas para responder ao reto da economía circular no ciclo integral da auga. Das 162 propostas recibidas, un 14% delas propoñen solucións innovadoras que se encadran en dous ou máis dos retos propostos.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Ministerio de Ciencia e Innovación asinaron a pasada semana o convenio que senta as bases da colaboración para o desenvolvemento do proxecto Innovaugas 4.0.
Mediante este proxecto, a Xunta busca impulsar actuacións novidosas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando a consecución dos obxectivos medioambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.
O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros, dos cales 4.200.000 serán achegados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020; 700.000 euros serán achegados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e 2.100.000 euros directamente por Augas de Galicia.