Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

edar-baiona-1-el638306397539

16 entidades participaron hoxe na visita técnica ás EDAR de Gondomar, Baiona e Nigrán no marco da licitación por 1,9 millóns de euros dun sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas estacións depuradoras de augas

  • A xornada estivo presidida pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que subliñou que se trata de acadar unha xestión máis eficiente empregando ferramentas de intelixencia artificial.
  • O evento celebrouse esta mañá nas instalacións das EDAR de Gondomar, Baiona e Nigrán e contou coa presenza de 16 entidades interesadas no proxecto Innovaugas 4.0
  • Na visita explicáronse as particularidades deste tipo de instalacións nas que se pretende desenvolver un sistema integral que permita a medición automática e continua dos parámetros de consumo enerxético e calidade da auga depurada nas EDAR de pequeno e mediano tamaño, coa fin de formular recomendacións de mellora a través de simulacións avanzadas nunha contorna controlada.
  • Este servizo enmárcase no Reto 3 Economía circular no ciclo integral da auga do proxecto Innovaugas 4.0, xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, que conta cun orzamento de licitación de 1,9 millóns de euros e un prazo de execución de 15 meses.

 

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia organizou esta mañá unha xornada técnica para visitar as instalacións das EDAR de Gondomar, Baiona e Nigrán. Na visita participaron 16 entidades interesadas no proxecto Innovaugas 4.0, xestión avanzada de recursos hídricos galegos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, explicou en Baiona que estas estacións representan a maioría das casuísticas que se dan nas EDAR de pequeno e mediano tamaño de Galicia para as que a Xunta de Galicia vén de licitar un sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade de auga vertida ao medio receptor, que remata o vindeiro 21 de decembro, por un importe de 1.953.757,40 euros e un prazo de execución de 15 meses. Vázquez Mourelle subliñou a importancia deste proxecto innovador, máis cando se están a dar subas tan acentuadas no prezo da electricidade, que encarecen a xestión da auga, xa que as infraestruturas hidráulicas son claramente dependentes da enerxía.

Este servizo enmárcase no Reto 3 economía circular no ciclo integral da auga do proxecto Innovaugas 4.0, e que ten como obxectivo avanzar no modelo de economía circular das estacións depuradoras de augas residuais urbás para a optimización do consumo enerxético e a calidade da auga.

Mediante un sistema de simulación avanzada nunha contorna controlada, a ferramenta será capaz de dar recomendacións en tempo real a Augas de Galicia que faciliten a toma de decisións sobre os distintos procesos de cada EDAR e implantar os principios do modelo de economía circular no ciclo integral da auga. Para iso, a solución creada será probada nas EDAR de Baiona, Nigrán e Gondomar, coa fin de cubrir o maior abanico de procesos habituais das estacións depuradoras de augas residuais de pequeno e mediano tamaño de Galicia. Deste xeito, dará lugar a tres contornas operativas reais diferentes entre si nos que validar a solución achegada.

INNOVAUGAS 4.0

Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se busca acadar solucións novidosas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respetando o logro dos obxectivos medioambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.