Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

 Innovaugas

Augas de Galicia adxudica por 1,5 millóns de euros un sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas EDAR

  • A UTE formada por Aquatec, Proyectos para el Sector del Agua, S.A.U. e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia resultou adxudicataria do servizo por un importe de 1.563.005,92 euros e un prazo de execución de 15 meses.
  • Con este sistema preténdese o desenvolvemento dun sistema integral que permita a medición automática e continua dos parámetros de consumo enerxético e calidade da auga depurada nas EDAR de pequeno e mediano tamaño, coa finalidade de formular recomendacións de mellora a través de simulacións avanzadas nunha contorna controlada.
  • Este servizo enmárcase no Reto Economía circular no ciclo integral da auga do proxecto Innovaugas 4.0, Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos.

A Xunta de Galicia, a través da entidade pública Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, anunciou a adxudicación dun sistema de tratamento e análise avanzada de datos en tempo real que facilite a toma de decisións en estacións depuradoras de augas residuais de pequeno e mediano tamaño, á unión temporal de empresas formada por Aquatec e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, por un importe de 1.563.005,92 euros e un prazo de execución de 15 meses.

Este servizo enmárcase no Reto 3 economía circular no ciclo integral da auga do proxecto Innovaugas 4.0, Xestión avanzada de recursos hídricos galegos, e ten como obxectivo avanzar no modelo de economía circular nas estacións depuradoras de augas residuais urbanas para a optimización do consumo enerxético e a calidade da auga.

O servizo garantirá o cumprimento dos parámetros de calidade con respecto da auga vertida ao medio receptor, a optimización dos consumos enerxéticos de cada EDAR, así como a fiabilidade operativa das estacións depuradoras de augas residuais para que operen no rango obxectivo de calidade e eficiencia.

Mediante un sistema de simulación avanzada nunha contorna controlada, o sistema será capaz de dar recomendacións en tempo real a Augas de Galicia que faciliten a toma de decisións sobre os distintos procesos de cada EDAR e implantar os principios do modelo de economía circular no ciclo integral da auga. Para iso, a solución creada será probada nas EDAR de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior abanico de procesos habituais das estacións depuradoras de augas residuais de pequeno e mediano tamaño de Galicia. Deste xeito, dará lugar a tres contornas operativas reais diferentes entre si nos que validar a solución achegada.

INNOVAUGAS 4.0

Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.