Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

Adxudicado o reto 1 de Innovaugas 4.0 por 2,3 millóns de euros

Augas de Galicia adxudica por 2,3 millóns de euros unha infraestrutura tecnolóxica integrada para recompilar, procesar e interpretar datos en tempo real para a mellora da xestión dos recursos hídricos

  • A UTE formada por Viaqua Gestión Integral de aguas de Galicia, SA e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia resultou adxudicataria do servizo por un importe de 2.310.405,50 euros e un prazo de execución previsto  de 12meses.
  • Con esta adxudicación garántese a incorporación de tecnoloxías dixitais de última xeración destinadas a unha infraestrutura tecnolóxica de recompilación, procesado e interpretación de datos que permitirá agregar e explotar toda a información existente procedente de distintas fontes, de forma coherente, ampliando o coñecemento de Augas de Galicia sobre as concas hidrográficas e apoiando a toma de decisións para aumentar a resiliencia ao cambio climático
  • Este servizo enmárcase no Reto 1 Sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos do proxecto Innovaugas 4.0.

A Xunta de Galicia, a través da entidade pública Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, anunciou a adxudicación dun servizo para o desenvolvemento, implantación e validación dunha infraestrutura tecnolóxica integrada para recompilación e análise de datos por un importe total de 2.310.405,50 euros e un prazo de execución previsto de 12 meses.

Este servizo enmárcase no Reto 1 Sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos do proxecto Innovaugas 4.0, e persegue o desenvolvemento, implantación e validación dunha infraestrutura tecnolóxica integrada para recompilar, procesar e interpretar datos que permita agregar e explotar toda a información existente procedente de distintas fontes coa fin de facilitar a toma de decisións adecuadas a curto, medio e longo prazo.

En concreto, a solución tecnolóxica proposta permitirá a xestión integrada dunha inxente cantidade de datos procedentes de fontes moi diversas como son os datos históricos e as predicións de precipitacións, de temperaturas, resultados de análises de calidade das augas e moitas outras medicións realizadas polos sensores dispostos no sistema de Augas de Galicia.

Esta solución innovadora garantirá a integración a futuro de novas fontes de información, así como a particular configuración da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e a necesidade de rexistrar novas variables que permitan coñecer os impactos producidos polo cambio climático na xestión dos recursos hídricos. 

 

Aplicación de intelixencia artificial na toma de decisións

A tecnoloxía, non existente no mercado actual, constituirá a mellor resposta para almacenar, intercambiar e xestionar datos actuais e futuros, incluíndo intercambio de datos cos cidadáns; analizar, procesar e tratar de forma avanzada os datos dispoñibles, aplicando técnicas estatísticas e de intelixencia artificial para modelar escenarios futuros; e ata desenvolver e implantar aplicacións que, a partir de todos estes datos dispoñibles, e con intelixencia artificial permitan dar resposta a problemas concretos.

 

Innovaugas 4.0

Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de  Infraestruturas e  Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo  Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola  Axencia  Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.