Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

Innovauguas - Adxudicación Reto 2

Augas de Galicia adxudica por 2,5 millóns de euros un sistema avanzado para a adaptación ao cambio climático

  • A UTE formada por Aquatec Proxectos para o sector da auga, SAU e Prointega Enxeñería, SL resultou adxudicataria do servizo por un importe de 2.557.093 euros e un prazo de execución previsto de 15 meses.
  • Con esta adxudicación garántese a incorporación de tecnoloxías dixitais de última xeración destinadas a un sistema avanzado para a adaptación ao cambio climático que integre as principais variables relacionadas coa preparación e resposta fronte a inundacións e secas e coa monitorización e xestión de encoros e outros recursos dispoñibles.
  • Este servizo enmárcase no Reto 2 Fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático do proxecto Innovaugas 4.0. Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos.

 

Santiago, 27 de xullo de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da entidade pública Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, anunciou a adxudicación dun servizo para o desenvolvemento dun sistema avanzado para a adaptación ao cambio climático por un importe total de 2.557.093 euros e un prazo de execución previsto de 15meses.

Este servizo enmárcase no Reto 2 Fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático do  proxecto Innovaugas 4.0, xestión avanzada dos recursos hídricos, que ten como obxectivo avanzar na integración de variables de distintas fontes, deseño e configuración de modelos preditivos para situacións de seca e de inundación, que permitan identificar elementos vulnerables co obxectivo de reducir os impactos na sociedade e no medio ambiente.

O novo sistema permitirá a Augas de Galicia anticipar e adaptar a xestión dos recursos hídricos ao cambio climático e aos eventos extremos de inundación e seca. Entre as necesidades que se buscan resolver atópase a de mellorar a capacidade de predición de eventos de seca prolongada e de escaseza conxuntural, máis aló da predición meteorolóxica existente, ampliando o marco preditivo ata un prazo de 3 meses.

 Risco de inundacións e control dos acuíferos

A adaptación ao cambio climático fai necesario o control rigoroso das masas de auga dispoñibles e a ampliación e mellora da capacidade de xestión de alerta temperá de inundacións de Augas de Galicia, mediante modelos hidrodinámicos e predicións meteorolóxicas, entre outros, que permitan estimar os niveis e caudais máximos esperados en determinados puntos de control.

Este sistema avanzado tamén permitirá predicir o posible deterioro temporal do estado das masas de auga polos fenómenos climáticos extremos e mellorar os sistemas de apoio á toma de decisións.

Con todo iso facilítase a adaptación do sistema de xestión de recursos hídricos de Augas de Galicia ao cambio climático, permitindo realizar unha xestión máis eficiente deste recurso natural, cada vez máis limitado.

INNOVAUGAS 4.0

Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de  Infraestruturas e  Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo  Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola  Axencia  Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.