Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

innovaugas

Augas de Galicia licita por 5,7 millóns de euros dous sistemas innovadores para a mellora da xestión dos recursos hídricos e o aumento da resiliencia ao cambio climático aproveitando novas tecnoloxías

  • Trátase de solucións tecnolóxicas avanzadas non existentes no mercado actual que supoñerán un avance decisivo na integración, xestión e análise de datos, así como na capacidade de Augas de Galicia para predicir eventos extremos de inundación e seca e mellorar así a toma de decisións para reducir os impactos e garantir a protección da sociedade e do medio ambiente.
  • Os dous servizos enmárcanse no proxecto de compra pública de innovación Innovaugas 4.0., xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, dotado cun orzamento de 7 millóns de euros.

A Xunta de Galicia, a través da entidade pública Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, anunciou a licitación de dous servizos no marco do proxecto Innovaugas, xestión avanzada dos recursos hídricos, por un importe total de 5,7 millóns de euros.

Un dos servizos persegue o desenvolvemento, implantación e validación dunha infraestrutura tecnolóxica integrada para recompilar, procesar e interpretar datos que permita agregar e explotar toda a información existente procedente de distintas fontes, por un importe de 2.702.076,02 euros e un prazo de execución de 12 meses.

O outro servizo licitado hoxe ten como obxectivo o desenvolvemento, implantación e validación dun sistema avanzado para a adaptación ao cambio climático que integre as principais variables relacionadas coa preparación e resposta fronte a inundacións e secas e coa xestión de recursos hídricos, por un importe de 2.990.816,29 euros e un prazo de execución de 12 meses.

2,7 millóns para a integración total de datos
A solución tecnolóxica proposta permitirá ampliar o coñecemento das concas hidrográficas mediante a xestión integrada dunha inxente cantidade de datos procedentes de fontes moi diversas como son os datos históricos e as predicións de precipitacións, de temperaturas, resultados de análises de calidade das augas e moitas outras medicións realizadas polos sensores dispostos no sistema de Augas de Galicia e por aqueles que se implanten no marco desta licitación. Tamén permitirá analizar, procesar e tratar de forma avanzada os datos dispoñibles, aplicando técnicas estatísticas e de intelixencia artificial para modelar escenarios futuros; e ata desenvolver e implantar aplicacións que, a partir de todos estes datos dispoñibles, e con intelixencia artificial permitan dar resposta a problemas concretos.

Este servizo enmárcase no Reto 1 Sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos do proxecto Innovaugas 4.0, que ten como obxectivo avanzar na integración de toda a información existente, reducir o traballo de campo e incorporar novos datos e criterios aos que xa se manexan co fin de facilitar a toma de decisións adecuadas a curto, medio e longo prazo.

Mellorar a nosa adaptación ao cambio climático
O sistema avanzado para aumentar a resiliencia fronte a eventos extremos e promover a adaptación ao cambio climático permitirá a Augas de Galicia anticipar e adaptar a xestión dos recursos hídricos ao cambio climático e aos eventos extremos de inundación e seca. Entre as necesidades que se busca resolver atópase a de mellorar a capacidade de predición de eventos de seca prolongada e de escaseza conxuntural, máis aló da predición meteorolóxica existente, ampliando o marco preditivo. Tamén se abordará no marco do contrato a sensorización innovadora de concas hidrográficas e a monitoraxe remota automática de encoros.

Este servizo, licitado por 3 millóns de euros, enmárcase no Reto 2 Fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático do proxecto Innovaugas 4.0, que ten como obxectivo avanzar na integración de variables de distintas fontes, deseño e configuración de modelos preditivos para situacións de seca e de inundación, que permitan identificar elementos vulnerables co obxectivo de reducir os impactos na sociedade e no medio ambiente.

INNOVAUGAS 4.0
Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.