Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

gráfica_innovaugas

Finalizado o prazo de presentación de propostas ás Consultas Preliminares ao Mercado do proxecto Innovaugas 4.0

  • A presentación de propostas concluíu o 8 de xuño de 2020
  • Innovaugas 4.0 é un proxecto de Compra Pública de Innovación promovido pola entidade pública Augas de Galicia

O proxecto Innovaugas 4.0 – Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos comezou o seu proceso de Consultas Preliminares o Mercado cunha xornada virtual de lanzamento o pasado 6 de maio, inaugurada pola Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, da Xunta de Galicia, e que contou coa participación de máis de 350 asistentes.

Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, que persegue a xestión integrada avanzada das augas para optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto conta cun orzamento total de 7 millóns de euros e foi seleccionado a través da convocatoria da liña de Fomento de Innovación desde a Demanda para a Compra Pública de Innovación desenvolvida polo Ministerio de Ciencia e Innovación. O proxecto está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirregional de España ( POPE) 2014-2020 e conta ademais coa achega da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participan na presentación aos axentes económicos e empresariais do proxecto ‘Innovaugas’.

Os días 13 e 14 de maio celebráronse senllos talleres de carácter técnico, tamén por medios telemáticos, que contaron coa presenza de máis de 270 participantes cada un. Estes talleres foron dedicados a expoñer de maneira detallada as necesidades non cubertas dentro de cada un dos 3 eixos nos que se articula o proxecto:

Eixo 1 – Mellora e innovación na xestión dos recursos hídricos e o medio ambiente
Eixo 2 – Aumento da resiliencia ao cambio climático
Eixo 3 – Incorporación do modelo de economía circular á xestión do ciclo integral da auga

A través da páxina web do proxecto foi compartida toda a información relacionada coas xornadas celebradas ata a data mediante as gravacións en vídeo das tres sesións así como todas as presentacións utilizadas durante as mesmas. Ademais, para facilitar o enchemento dos formularios para a presentación de propostas compartiuse información complementaria referida ao reto 3 do proxecto e un documento de preguntas frecuentas a través do que se contestaron un total de 62 cuestións expostas en relación co proxecto.

O prazo de presentación de propostas de solución permaneceu aberto ata as 14.00 do luns 8 de xuño de 2020.