Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

consulta preliminar

Iniciada a fase de entrevistas da Consulta Preliminar ao Mercado de Innovaugas 4.0

  • A fase de presentación de propostas da CPM pechouse o 8 xuño con 196 propostas para os 3 retos do proxecto
  • As entrevistas concluirán coa emisión do informe de resultados da CPM, paso previo para as licitacións cun orzamento de 7 millóns de euros

O proxecto Innovaugas 4.0 – Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos recibiu un total de 196 propostas na Consulta Preliminar ao Mercado que se abriu o pasado 6 de maio cunha xornada virtual de lanzamento na que participaron máis de 350 asistentes, a maioría representantes de empresas, centros tecnolóxicos e universidades de España e internacionais.

Das 196 propostas recibidas, 95 presentáronse para o reto 1. Sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos, 40 responden ao reto 2. Fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático, e 61 ao reto 3. Economía circular no ciclo integral da auga.

As propostas foron presentadas por 115 entidades, na súa maioría de España. Ademais recibíronse propostas de 6 organizacións estranxeiras (Reino Unido, Francia, Países Baixos e Colombia). O proxecto Innovaugas 4.0 espertou gran interese en Galicia, con 62 entidades participantes na fase de Consulta Preliminar ao Mercado, entre elas empresas, centros tecnolóxicos e grupos de investigación, ademais das tres universidades da comunidade (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo).

Durante todo o mes de xullo celebraránse entrevistas con diversos propoñentes que axuden a Augas de Galicia a comprender aquelas cuestións que non quedaron suficientemente claras nas propostas presentadas.

Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, que persegue a xestión integrada avanzada das augas para optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto conta cun orzamento total de 7 millóns de euros e foi seleccionado a través da convocatoria da liña de Fomento de Innovación desde a Demanda para a Compra Pública de Innovación desenvolvida polo Ministerio de Ciencia e Innovación. O proxecto está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020 e conta ademais coa achega da Axencia Galega de Innovación (GAIN).