Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Unha maneira de facer Europa
Publicado o 01 Xuñ 2022
O proxecto Innovaugas 4.0, Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, promovido por Augas de Galicia, foi invitado a participar no evento “Tecnología e innovación en saneamiento y depuración”, organizado polo Consorcio de Aguas de Asturias, que terá lugar os días 6 e 7 de xuño en Oviedo.
Augas de Galicia presentará, ante un público especializado no sector da auga e innovación, a primeira experiencia de compra pública innovadora que está a desenvolver a entidade. A ponencia, a cargo de Iván Cacheiro, xestor de proxectos e fondos europeos, fará un breve repaso do camiño recorrido e as expectativas a futuro na materia, para logo presentar polo miúdo o reto 3 economía circular no ciclo integral da auga do proxecto Innovaugas 4.0., que ten como obxectivo avanzar no modelo de economía circular nas estacións depuradoras de augas residuais urbanas para a optimización do consumo enerxético e a calidade da auga.
O reto 3 atópase en fase de execución xa que Augas de Galicia adxudicou o pasado marzo un sistema de tratamento e análise avanzada de datos en tempo real que facilite a toma de decisións en estacións depuradoras de augas residuais de pequeno e mediano tamaño por un importe de 1,5 millóns de euros.
Este sistema garantirá o cumprimento dos parámetros de calidade con respecto da auga vertida ao medio receptor, a optimización dos consumos enerxéticos de cada EDAR, así como a fiabilidade operativa das estacións depuradoras de augas residuais para que operen no rango obxectivo de calidade e eficiencia.
INNOVAUGAS 4.0
Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.
O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.
Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.