Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Unha maneira de facer Europa

Blog

Innovaugas 4.0, candidato oficial aos prestixiosos premios Water Europe Innovation 2022

O proxecto Innovaugas 4.0, candidato oficial aos prestixiosos premios Water Europe Innovation 2022

  • Estes galardóns, organizados pola plataforma Water Europe, recoñecen cada ano as solucións da auga máis innovadoras de toda a Unión Europea.
  • A comunicación oficial de gañadores terá lugar no marco da conferencia anual “Water Innovation Europe”, que se celebrará en Bruxelas os vindeiros días 14 e 15 de xuño.

 

O proxecto Innovaugas 4.0, Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, promovido por Augas de Galicia, é candidato oficial aos Water Europe Innovation Awards na categoría de “Water Governance Award”, que recoñece cada ano as mellores iniciativas públicas europeas relacionadas coa gobernanza no sector da auga.

Gonzalo Mosquera, xerente de Augas de Galicia, e Iván Cacheiro, xestor de proxectos e fondos europeos da entidade, asistirán en representación do proxecto á entrega de premios, que se realizará no marco da conferencia anual “Water Innovation Europe” e que terá lugar os vindeiros días 14 e 15 de xuño en Bruxelas baixo o título “Cal é o papel da auga nunha sociedade carbono neutral?”.

Esta nominación supón para Innovaugas o recoñecemento europeo á primeira experiencia de compra pública innovadora que está a desenvolver Augas de Galicia e pon en valor a aposta pola innovación da Xunta de Galicia nun dos eventos comunitarios clave do sector.

Os galardóns están impulsados pola plataforma Water Europe (WE), creada pola Comisión Europea en 2004, e que actualmente congrega a 250 membros de 28 países que representan a toda a cadea de valor da auga, dende a industria e os servizos e autoridades públicas ata as organizacións da sociedade civil. O seu principal obxectivo é contribuir a resolver os desafíos globais relacionados coa auga e xerar un uso intelixente, sostible e eficaz dos recursos hídricos.

 

INNOVAUGAS 4.0

Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elixible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.