Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Unha maneira de facer Europa
Publicado o 14 Feb 2022
– A presentación de apertura do evento, “Retos e perspectivas de Galicia: Innovaugas”, correrá a cargo de Iván Cacheiro, xestor de proxectos e fondos europeos en Augas de Galicia.
– O evento pecharase coa mesa de debate, “A dixitalización no sector da auga en Galicia”, na que participará Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia.
– Ademais de Innovaugas 4.0, presentaranse distintos casos de éxito da dixitalización no sector da auga e o proxecto EDAR 360 financiado no marco do programa Conecta Hubs 2021 por GAIN
O proxecto Innovaugas 4.0, Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, promovido por Augas de Galicia, estará presente no evento “A dixitalización no sector da auga”, que se celebrará o venres 18 na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
O relatorio, a cargo de Iván Cacheiro, xestor de proxectos e fondos europeos en Augas de Galicia, fará un repaso ao proxecto de compra pública de innovación, Innovaugas 4.0, que actualmente se atopa en fase de licitación e cuxos contratos haberán de estar executados antes do 31 de maio do ano próximo.
Innovaugas 4.0 pretende resolver 3 retos mediante a innovación tecnolóxica e solucións non estandarizadas no mercado. Concretamente, reto 1 – Sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos, reto 2 – Fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático e reto 3 – Economía circular no ciclo integral da auga.
A Xunta de Galicia, a través da entidade pública Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, anunciou en novembro a licitación para a prestación dun servizo de sistema de tratamento e análise avanzado de datos en tempo real que facilite a toma de decisións por parte da entidade en estacións depuradoras de augas residuais de pequeno e mediano tamaño, por un importe de 1.953.757,40 euros. Está previsto que se liciten dous servizos máis antes de que finalice o primeiro trimestre de 2022, correspondentes aos retos 1 e 2 de Innovaugas.
INNOVAUGAS 4.0
Innovaugas 4.0 é un proxecto promovido pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, co que se buscar alcanzar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.
O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento elegible de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020.
Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, conta cunha axuda de fondos europeos de 4.200.000 euros, será cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) con 700.000 euros e Augas de Galicia achegará 2.100.000 euros.